Tuesday 14 de May de 2024

Abertas as inscricións nos cursos de piragüismo para este verán en Brión


 

As clases terán lugar nas tardes dos venres nas renovadas instalacións municipais de Ponte Insúa (Ons)

O Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre, en colaboración co Concello de Brión, convoca uns cursos de piragüismo para rapaces e rapazas de entre 8 e 18 anos, que terán lugar durante os meses de xuño, xullo e agosto nas renovadas instalacións municipais de Ponte Insúa (parroquia de Ons). As clases terán lugar todos os venres de xuño, xullo e agosto, en horario de 18:00 a 20:00 horas. Os participantes repartiranse en grupos de acordo á súa idade: júnior, cadete, infantil, alevín e benxamín.

Para participar non é preciso ter coñecementos previos deste deporte, tan só é obrigatorio saber nadar e facer unha ficha federativa coa inscrición. A cota de inscrición é, precisamente, o pago da correspondente licenza federativa, segundo a idade do participante. As inscricións poden formalizarse na Casa da Cultura de Brión ou no teléfono 981 50 99 08.

Os rapaces e rapazas que participen nestes cursos estrearán as renovadas instalacións de piragüismo de Ons, nas que o Concello de Brión investiu preto de 100.000 euros. Unhas obras que incluíron a substitución da cobertura de chapa metálica da instalación por outra de entablado de piñeiro así como unha mellora significativa do seu interior e da instalación eléctrica.